JPEG - 13 kb
Herman Van Rompuy, Fredrik Reinfeldt, Jose Manuel Barroso, Catherine Ashton

O Tratado de Lisboa que acaba de entrar en vigor entre os 27 países da Unión Europea (UE) é o punto culminante de medio século de construción europea, finalmente aprobado despois do rexeitamento polos cidadáns franceses e irlandeses da mal chamada Constitución Europea. O Parlamento Europeo ratificou o 9 de febreiro os novos membros da Comisión Europea como o prevé o tratado.

Infelizmente, o resultado deste longo e penoso proceso de construción institucional cristaliza unha situación de ingobernabilidade e unha forte perda de influencia de Europa no mundo. Paga a pena lembrar como chegamos a esta situación.

Mentres se construía o Mercado Común Europeo con seis países, logo con nove, 12, 15, a cuestión de fondo das institucións e da natureza xurídica supranacional ou non desta asociación de países, foi sempre reenviada a máis tarde. O asunto complicouse co ingreso de 10 novos membros. Neste contexto había que dar á UE institucións claras, eficaces e democráticas á beira ou enriba de 27 gobernos con intereses diferentes. A cuadratura do círculo! Logo de anos de arduas negociacións naceu o Tratado de Lisboa, co cal a UE ía ter por fin un presidente do Consello Europeo estábel por dous anos e medio, un ministro de Relacións Exteriores, á vez vicepresidente da Comisión Europea, e un Parlamento con máis poderes. Louvábel intención! Pero os xefes de Estado escolleron un descoñecido, sen lexitimidade democrática nin peso político, o belga Herman van Rompuy. Mentres, as presidencias semestrais continúan como antes e o presidente de quenda neste semestre, o español José Luís Rodríguez Zapatero, non está disposto a deixar o primeiro rol a un funcionario de Bruxelas sen carisma, nin ao presidente da Comisión Europea, Manuel Barroso. Situación francamente vodevilesca, até o punto de que o presidente Obama non acudirá ao cumio bianual UE-Estados Unidos en Madrid, por non ter un “alter ego” da súa estatura, ademais de considerar que non hai moito de que falar cos europeos. Unha labazada para Europa.

Paralelamente á laboriosa institucionalización da UE, o ingreso dos novos membros de Europa central e oriental cambiou profundamente a relación de forzas internas. En toda Europa, na última década os procesos electorais favoreceron á dereita, a esquerda entrou en crise e en lugar de se opor ao modelo neoliberal aceptouno en nome da modernidade. De tal xeito que os políticos de todas as cores lanzaron ofensivas contra o papel regulador do Estado (en nome dunha libre competencia sen distorsións prevista nun anexo ao tratado) e deixaron aos tecnócratas desmantelar paulatinamente o que cara á forza e a exemplaridade de modelo europeo, é dicir, un mercado regulado por estados protectores dos cidadáns. Agora a carga vai contra os sistemas de pensión por repartición, acusados de aumentar escandalosamente o déficit público. Os gobernos pretenden que o vello sistema de solidariedade interxeracional é insostíbel (pero é doado demostrar o contrario), e coa axuda dos ideólogos fundamentalistas da OCDE impulsan novamente os fondos de pensión, coma se a crise financeira de 2008-2009 non afectase a millóns de pequenos aforradores.

En canto ao papel internacional da UE, moitos europeos da vella Europa creron que co derrubamento da Unión Soviética un novo mundo multipolar ía reemprazar o mundo bipolar, e que a UE sería un actor mundial de peso. Este desexo non se cumpriu. Estados Unidos non podía permitir que os seus propios aliados propiciasen tal perspectiva contraria á súa vontade de hexemonía mundial, e ao contrario esperaban deles claras mostras de avasalamento. Este movemento de achegamento natural volveuse explícito logo dos atentados do 11 de setembro de 2001. Na súa Estratexia Europea de Seguridade adoptada polos xefes de Estado en 2003, a UE retomou como propia a visión estadounidense do mundo, maniquea e simplista, póndose ao lado do ben contra o mal, xustificando as guerras preventivas nun mundo enfrontado a ameazas globais. Os gobernos europeos, na súa maioría, observaron un silencio cómplice sobre gravísimas cuestións como Guantánamo, o uso da tortura (algúns autorizaron os voos secretos da CIA), as restricións ás liberdades individuais ou as violacións dos dereitos humanos por Israel (país considerado como alicerce do bloque occidental e case membro da UE). En Francia, a dereita gaullista resistiu até certo punto, e a última manifestación de desacordo cos estadounidenses foi exposta con brío polo chanceler Dominique de Villepin no seu memorábel discurso en Nacións Unidas contra a invasión de Iraq. Pero o presidente Sarkozy, ao chegar á presidencia en 2007, anunciou a fin de 40 anos de tradición gaullista de independencia nacional co regreso de Francia na familia occidental e na estrutura militar da OTAN. De feito, o Tratado de Lisboa sinala claramente que a OTAN é o marco no cal se organiza a defensa europea, co cal Estados Unidos logrou o obxectivo que sempre tivera coa axuda de Gran Bretaña, de amarrar os países de Europa ao oeste e sur de Rusia nun só bloque político-económico-militar dominado por eles. Non hai espazo para discrepancia como o mostran as importantes presións de Washington sobre o Parlamento Europeo, para obter nos próximos días a ratificación dun acordo de cooperación antiterrorista leonino, ao cal se opón unha maioría dos eurodeputados.

Cumprindo co Tratado de Lisboa, os xefes de Estado nomearon a baronesa británica Catherine Ashton alta representante do Consello Europeo para Relacións Exteriores e vicepresidenta da Comisión Europea. A súa comparecencia ante o Parlamento Europeo sorprendeu a todas as bancadas pola súa falta de visión e de ambición para Europa. Lady Ashton (quen recordou que apoiou a guerra en Iraq) puxo énfase na cooperación con Estados Unidos e a OTAN. Incapaz de explicar cales serían os obxectivos da UE en Afganistán, as súas respostas foron evasivas. Ela parecía non ser coñecedora do próximo cumio UE-América Latina de abril en Madrid. Sobre as relacións con Cuba, a vicepresidenta reiterou a súa preocupación polos dereitos humanos. Non haberá cambio na posición común imposta por Aznar hai 13 anos sen consultar probabelmente a... Washington! En canto ao futuro servizo diplomático europeo baixo a súa responsabilidade, a confusión é total en Bruxelas. No entanto, o Parlamento aprobou á candidata.

No plan financeiro, o Banco Central Europeo (BCE) é totalmente autónomo e non responde a goberno económico ningún. As tensións non faltan entre o presidente do BCE, o comisario de Economía e o presidente do eurogrupo, cada un reivindicando ser Míster Euro: a falta dun liderado político da zona euro pon en perigo a súa credibilidade cando países como Grecia, España e Portugal se enfrontan ás primeiras grandes crises da fortaleza euro.

O cumio de Copenhague sobre o cambio climático puxo en evidencia que a UE como bloque xa non xoga no patio dos grandes. Despois de tomar posicións bastante importantes sobre o tema do medio ambiente nos meses anteriores, a UE desapareceu do escenario, deixando os tenores Angela Merkel, Nicolas Sarkozy e Gordon Brown poñérense de acordo con algúns países do G-20 para presentar como un paso positivo o non acordo proposto por Obama. Na recomposición do mundo que empezou en Pittsburgh e Copenhague, a UE renunciou ao seu posíbel papel de ponte entre civilizacións, e preferiu afirmar a súa pertenza un bloque occidental euroatlántico cada vez máis cuestionado.

A Europa política morreu en Lisboa, e o soño europeo acabouse. De profundis ad domine.

Fonte
La Jornada (México)